Saturday 27 de April de 2024

Comezan as obras da ponte sobre o río Maruzo, que dará acceso ao lugar de Augasantas e está orzamentada en 82.000 €


O acceso a Augasantas (Céltigos) desde a parroquia de Vitre estará cortado durante os traballos

A Consellería de Medio Rural vén de iniciar as obras de construción dunha nova ponte sobre o río Maruzo, na localidade de Augasantas, parroquia de Céltigos (Frades). Trátase dunha obra adxudicada por 82.262,73 euros a Tragsa, que ten un prazo de execución de tres meses e que está incluída no Plan de Infraestruturas Rurais 2017.

“Trátase dunha ponte con tubo de latón sobre o río Maruzo e de acceso á localidade de Augasantas que quedara moi deteriorado polas riadas do ano pasado e para a que pedimos axudas tanto á Xunta como á Deputación”, explica o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, quen agradeceu a colaboración ofrecida por Medio Rural “pois sen ela non poderíamos ter asumido o arranxo”. O alcalde de Frades presentáralle este proxecto á conselleira Ángeles Vázquez durante a súa visita do 19 de abril de 2017 para supervisar as obras de mellora e acondicionamento doutras tres pontes danadas polas riadas en Frades, nas que Medio Rural investira preto de 120.000 euros.

Obras

O paso actual sobre o río Maruzo está resolto mediante un tubo de aceiro que presenta roturas na zona de contacto coa auga, o que fai preciso a súa substitución para garantir a seguridade dos usuarios que empregan esta estrada. As obras consisten na substitución dese tubo de drenaxe danado por outra estrutura maior que garanta a seguridade viaria e peonil: un marco prefabricado de formigón armado de 5 x 4,5 metros e cun ancho de taboleiro de 8 metros, fronte aos cinco actuais.

Unha vez emprazado este marco, colocaranse os muros de acompañamento de pedra de granito e reafirmarase a estrada con triplo tratamento asfáltico, así como coa colocación dunha varanda metálica. Como a actuación terá lugar nunha zona con especiais valores naturais, xa que afecta parcialmente ao LIC Río Tambre, o proxecto inclúe a rexeneración paisaxística da contorna da ponte e a plantación de especies autóctonas.

As obras teñen un prazo de execución de tres meses, polo que dende o Concello de Frades informan aos veciños de que o acceso a Augasantas dende a parroquia de Vitre estará cortado ata o remate dos traballos. Dende o Concello de Frades lamentan as molestias que este corte poida supoñer para a veciñanza pero “trátase dunha actuación moi necesaria para garantir a seguridade viaria dos nosos veciños e veciñas”.